2.0 A NOVA ÁGORA GALEGA. 14.Maio.2008
Galiza celebra de xeito conxunto o 17 de Maio o Día de Internet, o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información e o Día das Letras Galegas.
É un día sinalado para propiciar, coa axuda das tecnoloxías dixitais, a participación de todos os galegos e galegas nunha reflexión colectiva sobre as posibilidades que as tecnoloxías da información e a comunicación nos achegan para a normalización da nosa lingua, a difusión e enriquecemento da nosa cultura e a construción da sociedade do coñecemento en Galiza.
Durante dezasete días, entre o 1 de maio e o 17 de maio a rede galega acobillará diversas iniciativas nas que se reflexionará de modo mancomunado sobre Internet, a lingua galego e o futuro. Iniciativas comprometidas coa lingua galega, sabedores de que en Galiza a construción da Sociedade do Coñecemento precisa do galego como lingua viva, da súa plena normalización no usos sociais, na creación cultural, nas iniciativas empresariais ou nas relacións que os cidadáns mantemos coas administracións.
Entre estas iniciativas atópase a xornada 2.0 A Nova Ágora Galega que se celebrará na Escola Superior de Enxeñería Informática do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, e que estará adicada ás aplicacións das redes sociais e en xeral as tecnoloxías da web 2.0, que están a provocar un salto de enorme magnitude no uso que os cidadáns e as empresas fan de Internet. O usuario de Internet xa non é pasivo, xa non é un mero consumidor de información, senon que agora é activo, pasou a ser un xenerador de contidos, pode facer públicas con enorme facilidade as súas opinións, habilidades, inquedanzas ou iniciativas diante do mundo entero ou da súa comunidade. As diferentes mesas desta xornada falarán sobre o estado actual desta web social e das posibilidades que estas tecnoloxías están a abrir en ámbitos tan diversos como o desenvolvemento de aplicacións de software libre, a educación, os negocios, ou a literatura.
Esta xornada retransmitirase a través de Uvigo-Tv